Estatutos

ESTATUTOS
· PRELIMINARArt. 1º.- A Fundación Vicente Risco constitúese ao abeiro do artigo 34.1 da Constitución Española e réxese pola Lei 7/1983 do 22 de xuño de Réxime das Fundacións de Interese Galego, a Lei 11/1991 de 8 de novembro, de reforma da Lei 7/83, polo Decreto248/1992 do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Organización e Funcionamento do protectorado das Fundacións de Interese Galego, as demais disposicións legais aplicabeis, e por estes Estatutos, terá personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, sen outras limitacións que as establecidas polas leis e polos presentes Estatutos.

Art. 2º.- O cumprimento dos obxectivos fundacionais, e todo canto a eles atinxe, confíase ao seu padroado sen ningunha limitación nas súas actuacións, sen prexuízo do previsto nestes estatutos e no establecido con carácter xeral e obrigatorio nas disposicións legais aplicabeis, moi especialmente respecto á presentación da memoria anual e á liquidación do presuposto de cada exercicio económico.

Art. 3º.- A Fundación Vicente Risco terá o seu domicilio social en Allariz (Ourense) na rúa San Lorenzo, 3, que se poderá trasladar previo o correspondente acordo do Padroado. A Fundación poderá establecer delegacións noutros lugares do territorio español ou do estranxeiro, previo acordo ao efecto; e no que se concretarán o domicilio e as funcións que serán desempeñadas polas respectivas delegacións.
· TÍTULO I: OBXECTO DA FUNDACIÓNArt. 4º.- A Fundación Vicente Risco non establece ningún límite xeográfico para a súa actuación, sendo o seu obxecto:
a.- A conservación da biblioteca, manuscritos, notas, debuxos de Vicente Risco e do seu fillo Antón Risco, así como dos seus obxectos persoais e de obras artísticas que lles pertenceron, así como os dereitos que dela se deriven. Todo o cal se reunirá na casa de Allariz que pertenceu á familia da dona de don Vicente e nai de Antón, dona María del Carmen Fernández Gómez.
b.- O estudo e difusión da obra de Vicente e Antón Risco, así como daqueles temas tratados na súa obra e obxecto da súa preocupación intelectual.
c.- A organización de grupos de traballo que estuden temas que foron particularmente caros a Vicente e Antón Risco, é dicir, as literaturas fantásticas, as vangardas artísticas e literarias, a estética comparada, o orientalismo, a pedagoxía, así como o estudo de diferentes aspectos da literatura, a cultura, o nacionalismo galego e as dimensións históricoantropolóxicas da identidade galaica.
· TÍTULO II: MEMBROS DO PADROADOArt. 5º.- Os integrantes do Padroado da Fundación poderán ser membros fundadores, adheridos ou de honra.
Con posterioridade ao outorgamento da Carta Fundacional, poderán adherirse á Fundación aquelas persoas xurídicas que presenten a solicitude de adhesión e sexan aceptados polo Padroado, e que cumprann os compromisos adquiridos.
O acordo de incorporación do novos membros esixirá a maioría dos dous tercios do Padroado.
O Padroado, se así o considera, poderá nomear “Membros de Honra” a aquelas persoas xurídicas que contribúan de modo salientábel á realización dos obxectivos fundacionais.
Establécese tamén a figura de «membro colaborador», para aquelas persoas xurídicas que sen formar parte dos órganos deliberantes e rectores do Padroado, manteñen algún tipo de colaboración coas actividades da Fundación.
· TÍTULO III: FUNCIONAMENTO DO PADROADO A.- DO PADROADOArt. 6º.- A representación, o goberno e a administración da Fundación corresponde de maneira exclusiva ao Padroado, sen máis limitacións cás impostas pola Lei. A execución destas decisións corresponderá á Xunta Rectora.

Art. 7º.- O Padroado é soberano no cumprimento da súa misión, sen prexuízo de que o Protectorado exerza as facultades que as leis lle atribúen sobre as Fundacións de Interese Galego.

Art. 8º.- O Padroado é titular exclusivo de todas as facultades e potestades que en dereito se precisen para o eficaz desenvolvemento dos obxectivos fundacionais e interpretará sen limitacións os presentes estatutos.
Sen embargo, o Padroado poderá delegar as súas facultades nun ou maís apoderados xerais ou especiais con funcións e responsabilidades mancomunadas e solidarias.

Art. 9º.- Os cargos dos membros integrantes do Padroado serán de confianza e actuarán de forma gratuíta, pero terán dereito, previa xustificación, ao aboamento dos gastos que o exercicio do cargo lles producise.

Art. 10º.- O Padroado reunirase en Asemblea cantas veces sexa convocado polo Presidente ou cando o solicite un tercio dos seus membros.
Nos tres primeiros meses de cada ano a Xunta Rectora deberá convocar unha xuntanza para aprobar a memoria e a liquidación do orzamento ordinario e o balance correspondente ao exercicio anterior. Nesa mesma Asemblea aprobarase o orzamento e a programación do exercicio en curso.
O Secretario, a instancia do Presidente, deberá facer a convocatoria, polo menos, con dez días de antelación, incluíndo a orde do día das reunións, o lugar, o día e a hora da primeira e segunda convocatoria.

Art. 11º.- O Padroado estará validamente constituído cando concorran en primeira convocatoria a maioría absoluta dos seus membros, ou en segunda convocatoria sempre que estean presentes un mínimo de un trecio dos membros do Padroado. A este efecto o voto delegado considérase presente. Os acordos tomaranse por maioría absoluta dos asistentes.
No suposto que algún membro do padroado non poida asistir á Asemblea poderá delegar o seu voto por escrito noutro membro do Padroado. Ou facelo constar por correo electrónico á Secretaría da Fundación, cando menos cun día de antecedencia á celebración da Asemblea.
· B.- XUNTA RECTORAArt. 12º.- O Padroado, composto polos membros fundadores, adheridos e honra, que teñen voz e voto, elixirá entre eles a Xunta Rectora; e poderán delegar as súas funcións, en caso de impedimento ou ausencia debidamente xustificada, noutro membro da Xunta Rectora que actuará cos mesmos dereitos e obrigas có titular. A Xunta Rectora será elixida cada catro anos, podendo ser re-elixida, e terá como competencia a execución do establecido no artigo 6º. Componse dos seguintes cargos:
Presidente.Vice-presidente.Secretario.Tesoureiro.Un vocal por cada unha das seccións nas que está dividida a Fundación: Ideoloxia e Política, Antropoloxía e outras Ciencias Sociais, Literatura, Educación e Artes Plásticas. E poderanse designar outros vocais para cubrir distintos aspectos que esixa a actividade da Fundación, e cuxo responsábel pasará a integrarse na Xunta Rectora.

Art. 13º.- O Presidente é o representante da Fundación. Na súa ausencia, a representación da mesmarecaerá no Vice-presidente.

Art. 14º.- O Secretario é o responsábel de levar o Libro de Actas e de emitir as certificacións que correspondan. Tamén está facultado para presentar escritos e solicitudes no nome da Fundación perante as diferentes administracións en ausencia ou delegación do Presidente e do Vice-presidente.

Art. 15º.- O Tesoureiro é o responsábel da contabilidade da Fundación.

Art. 16º.- Os Vocais serán responsabeis das diferentes seccións nas que se constitúe a Fundación e realizarán aquelas actividades que lles encomende o Padroado.
· TÍTULO IV: PATRIMONIO E RÉXIME ECONÓMICOArt. 17º.- O Patrimonio da Fundación pode estar integrado por toda clase de bens e dereitos, sen outras limitacións que as impostas pola Lei.

Art. 18º.- O Patrimonio actual da Fundación está formado por: 1. A doazón inicial, bes inmobeis e mobeis que servirán para cumprir os fins fundacionais. 2. As achegas dos membros adheridos, nas condicións fixadas polo Padroado, e as doazóns anuais ou extraordinarias que aceptan satisfacer voluntariamente os fundadores. 3. Calesquera outros bens e dereitos que, no sucesivo, adquira a Fundación a título oneroso ou gratuíto en entidades públicas e privadas, ou de particulares, en especial: subvencións, doazóns, herdanzas ou legados (estes dous últimos sempre a beneficio de inventario) Para aceptar herdanzas ou legados será necesaria a autorización previa do Padroado.

Art. 19º.- Os medios económicos para o logro da finalidade fundacional poderán estar compostos por:
1. Os froitos ou rendas, produtos ou beneficios do capital ou patrimonio das actividades que realiza a Fundación.
2. As doazóns “inter vivos”, herdanzas e legados que reciba, e os demais bens que adquira por calquera título.
3. As subvencións e aportacións que poida recibir dos entes públicos e particulares, previa aceptación da Xunta Rectora.

Art. 20º.- Os bens adquiridos por herdanzas, legados, doazóns, ou calquera título gratuíto aplicaranse ou conservaranse segundo a vontade do transmitente e condicións establecidas no título de adquisición.

Art. 21º.- Para asegurar a garda dos bens constitutivos do patrimonio da Fundación observaranse as seguintes regras:
1. Os bens inmobeis de dereitos reais inscribiranse no Rexistro da Propiedade a nome da Fundación. Os demais bens susceptibeis de inscripción deberán inscribirse nos Rexistros correspondentes. 2. Os valores mobiliarios e fondos públicos serán confiados polo Padroado en réxime de depósito administrativo a unha entidade bancaria ou caixa de aforros.
3. Os demais bens mobeis, os títulos de propiedade, os resgardos de depósito e calquera documento acreditativo de dominio, posesión, uso e disfrute ou calquera outro dereito de que sexa titular a Fundación poderá ser confiado polo propio Padroado á persoa na que se delegue.
4. Todos os bens da Fundación inventariaranse nun Libro de Rexistro do Padroado.

Art. 22º.- O Padroado confeccionará para cada exercicio económico un orzamento ordinario, no que se recollerán os ingresos e gastos ordinarios.
Nos ingresos figurará canto perciba a Fundación por calquera concepto. Nos gastos citaranse por separado os gastos xerais e poderanse destinar os excedentes de ingresos a incrementar o capital da Fundación.

Art. 23º.- O Padroado deberá confeccionar un orzamento extraordinario cando se trate de levar a cabo actuacións excepcionais, non incluídas no orzamento ordinario, que requerirá a súa aprobación polo Padroado.

Art. 24º.- Os ingresos que por calquera concepto obteña a Fundación serán sempre aplicados ao cumprimento dos obxectivos fundacionais. Os gastos xerais ou de administración non poderán exceder do 10% dos ingresos.
O remanente que se obteña, caso de non agotar os límites establecidos nos apartados anteriores, será destinado a incrementar o capital, previsión de gastos extraordinario e outras actividades que beneficien á Fundación.
· TÍTULO V: MODIFICACIÓN, FUSIÓN E EXTINCIÓNArt. 25º.- O Padroado pode promover a modificación destes estatutos sempre que non sexa contraria á vontade dos fundadores e aos fins fundacionais.
O acordo de modificación deberá ser adoptado polo voto favorábel de dous tercios dos seus membros asistentes sempre que, ademais, resulte a maioria absoluta dos seus membros.

Art. 26º.- O acordo de modificación comprenderá necesariamente os seguintes termos:
1. A exposición razoada da causa determinante de modificación.
2. O contido de modificación, que se deberá afastar o menos posíbel dos presentes estatutos.
3. Un estudo económico de viabilidade da modificación e o programa de adaptación das instalacións, cando proceda.

Art. 27º.- Procederá a extición da Fundación:
1. Cando as disposicións da carta fundacional ou dos presentes estatutos sexan revocados, alterados ou modificados por persoa, autoridade ou xurisdición diferente do padroado e sen coñecemento deste.
2. No caso de que o estado ou outro organismo, autoridade ou tribunal pretendesen interferir, minguar, alterar, modificar, contrariar ou de calquera outra forma non respectar, observar, influír e gardar a vontade recollida nestes estatutos e na escritura fundacional.
3. Cando resulte imposíbel realizar os obxectivos fundacionais.
4. Por calquera outra causa expresada na Lei.

Art. 28º.- O expediente que se incoe para a extinción da Fundación comprenderá necesariamente:
1. A exposición razoada da causa determinante dela.
2. O balance da Fundación.
3. A proposta de designación de liquidadores, o programa da súa actuación e o proxecto de distribución dos bens integrantes do patrimonio da Fundación ou do produto da venda dos mesmos faráse, unha vez outorgadas as distintas autorizacións previstas polas leis, libremente polo Padroado a favor doutras fundacións ou entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro que poideran cumprir finalidades semellantes.
No caso de se extinguir a Fundación, os bens de que fora propietaria pasarán a outra entidade de finalidade semellante designada polo Padroado.