| · PRELIMINAR |
 |
Art. 1º.- A Fundación Vicente Risco constitúese ao abeiro do artigo
34.1 da Constitución Española e réxese pola Lei 7/1983 do 22 de xuño
de Réxime das Fundacións de Interese Galego, a Lei 11/1991 de 8 de
novembro, de reforma da Lei 7/83, polo Decreto248/1992 do 18 de
xuño, polo que se aproba o Regulamento de Organización e
Funcionamento do protectorado das Fundacións de Interese Galego, as
demais disposicións legais aplicabeis, e por estes Estatutos, terá
personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, sen outras
limitacións que as establecidas polas leis e polos presentes Estatutos.
Art. 2º.- O cumprimento dos obxectivos fundacionais, e todo canto a
eles atinxe, confíase ao seu padroado sen ningunha limitación nas súas
actuacións, sen prexuízo do previsto nestes estatutos e no establecido
con carácter xeral e obrigatorio nas disposicións legais aplicabeis, moi
especialmente respecto á presentación da memoria anual e á
liquidación do presuposto de cada exercicio económico.
Art. 3º.- A Fundación Vicente Risco terá o seu domicilio social en
Allariz (Ourense) na rúa San Lorenzo, 3, que se poderá trasladar previo
o correspondente acordo do Padroado.
A Fundación poderá establecer delegacións noutros lugares do
territorio español ou do estranxeiro, previo acordo ao efecto; e no que se
concretarán o domicilio e as funcións que serán desempeñadas polas
respectivas delegacións.
|
| · TÍTULO I: OBXECTO DA FUNDACIÓN |
 |
Art. 4º.- A Fundación Vicente Risco non establece ningún límite
xeográfico para a súa actuación, sendo o seu obxecto:
a.- A conservación da biblioteca, manuscritos, notas, debuxos de
Vicente Risco e do seu fillo Antón Risco, así como dos seus obxectos
persoais e de obras artísticas que lles pertenceron, así como os dereitos
que dela se deriven. Todo o cal se reunirá na casa de Allariz que
pertenceu á familia da dona de don Vicente e nai de Antón, dona María
del Carmen Fernández Gómez.
b.- O estudo e difusión da obra de Vicente e Antón Risco, así como
daqueles temas tratados na súa obra e obxecto da súa preocupación
intelectual.
c.- A organización de grupos de traballo que estuden temas que foron
particularmente caros a Vicente e Antón Risco, é dicir, as literaturas
fantásticas, as vangardas artísticas e literarias, a estética comparada, o
orientalismo, a pedagoxía, así como o estudo de diferentes aspectos da
literatura, a cultura, o nacionalismo galego e as dimensións históricoantropolóxicas
da identidade galaica.
|
| · TÍTULO II: MEMBROS DO PADROADO |
 |
Art. 5º.- Os integrantes do Padroado da Fundación poderán ser
membros fundadores, adheridos ou de honra.
Con posterioridade ao outorgamento da Carta Fundacional,
poderán adherirse á Fundación aquelas persoas xurídicas que
presenten a solicitude de adhesión e sexan aceptados polo Padroado, e
que cumprann os compromisos adquiridos.
O acordo de incorporación do novos membros esixirá a maioría
dos dous tercios do Padroado.
O Padroado, se así o considera, poderá nomear "Membros de
Honra" a aquelas persoas xurídicas que contribúan de modo salientábel
á realización dos obxectivos fundacionais.
Establécese tamén a figura de «membro colaborador», para
aquelas persoas xurídicas que sen formar parte dos órganos
deliberantes e rectores do Padroado, manteñen algún tipo de
colaboración coas actividades da Fundación.
|
| · TÍTULO III: FUNCIONAMENTO DO PADROADO
A.- DO PADROADO |
 |
Art. 6º.- A representación, o goberno e a administración da Fundación
corresponde de maneira exclusiva ao Padroado, sen máis limitacións
cás impostas pola Lei. A execución destas decisións corresponderá á
Xunta Rectora.
Art. 7º.- O Padroado é soberano no cumprimento da súa misión, sen
prexuízo de que o Protectorado exerza as facultades que as leis lle
atribúen sobre as Fundacións de Interese Galego.
Art. 8º.- O Padroado é titular exclusivo de todas as facultades e
potestades que en dereito se precisen para o eficaz desenvolvemento dos
obxectivos fundacionais e interpretará sen limitacións os presentes
estatutos.
Sen embargo, o Padroado poderá delegar as súas facultades nun
ou maís apoderados xerais ou especiais con funcións e
responsabilidades mancomunadas e solidarias.
Art. 9º.- Os cargos dos membros integrantes do Padroado serán de
confianza e actuarán de forma gratuíta, pero terán dereito, previa
xustificación, ao aboamento dos gastos que o exercicio do cargo lles
producise.
Art. 10º.- O Padroado reunirase en Asemblea cantas veces sexa
convocado polo Presidente ou cando o solicite un tercio dos seus
membros.
Nos tres primeiros meses de cada ano a Xunta Rectora deberá
convocar unha xuntanza para aprobar a memoria e a liquidación do
orzamento ordinario e o balance correspondente ao exercicio anterior.
Nesa mesma Asemblea aprobarase o orzamento e a programación do
exercicio en curso.
O Secretario, a instancia do Presidente, deberá facer a
convocatoria, polo menos, con dez días de antelación, incluíndo a orde
do día das reunións, o lugar, o día e a hora da primeira e segunda
convocatoria.
Art. 11º.- O Padroado estará validamente constituído cando concorran
en primeira convocatoria a maioría absoluta dos seus membros, ou en
segunda convocatoria sempre que estean presentes un mínimo de un
trecio dos membros do Padroado. A este efecto o voto delegado
considérase presente. Os acordos tomaranse por maioría absoluta dos
asistentes.
No suposto que algún membro do padroado non poida asistir á
Asemblea poderá delegar o seu voto por escrito noutro membro do
Padroado. Ou facelo constar por correo electrónico á Secretaría da
Fundación, cando menos cun día de antecedencia á celebración da
Asemblea.
|
| · B.- XUNTA RECTORA |
 |
Art. 12º.- O Padroado, composto polos membros fundadores, adheridos
e honra, que teñen voz e voto, elixirá entre eles a Xunta Rectora; e
poderán delegar as súas funcións, en caso de impedimento ou ausencia
debidamente xustificada, noutro membro da Xunta Rectora que actuará
cos mesmos dereitos e obrigas có titular. A Xunta Rectora será elixida
cada catro anos, podendo ser re-elixida, e terá como competencia a
execución do establecido no artigo 6º. Componse dos seguintes cargos:
- Presidente.
- Vice-presidente.
- Secretario.
- Tesoureiro.
Un vocal por cada unha das seccións nas que está dividida a
Fundación: Ideoloxia e Política, Antropoloxía e outras Ciencias
Sociais, Literatura, Educación e Artes Plásticas. E poderanse
designar outros vocais para cubrir distintos aspectos que esixa a
actividade da Fundación, e cuxo responsábel pasará a integrarse na
Xunta Rectora.
Art. 13º.- O Presidente é o representante da Fundación. Na súa
ausencia, a representación da mesmarecaerá no Vice-presidente.
Art. 14º.- O Secretario é o responsábel de levar o Libro de Actas e de
emitir as certificacións que correspondan. Tamén está facultado para
presentar escritos e solicitudes no nome da Fundación perante as
diferentes administracións en ausencia ou delegación do Presidente e
do Vice-presidente.
Art. 15º.- O Tesoureiro é o responsábel da contabilidade da Fundación.
Art. 16º.- Os Vocais serán responsabeis das diferentes seccións nas que
se constitúe a Fundación e realizarán aquelas actividades que lles
encomende o Padroado.
|
| · TÍTULO IV: PATRIMONIO E RÉXIME ECONÓMICO |
 |
Art. 17º.- O Patrimonio da Fundación pode estar integrado por toda
clase de bens e dereitos, sen outras limitacións que as impostas pola
Lei.
Art. 18º.- O Patrimonio actual da Fundación está formado por:
1. A doazón inicial, bes inmobeis e mobeis que servirán para cumprir
os fins fundacionais.
2. As achegas dos membros adheridos, nas condicións fixadas polo
Padroado, e as doazóns anuais ou extraordinarias que aceptan
satisfacer voluntariamente os fundadores.
3. Calesquera outros bens e dereitos que, no sucesivo, adquira a
Fundación a título oneroso ou gratuíto en entidades públicas e
privadas, ou de particulares, en especial: subvencións, doazóns,
herdanzas ou legados (estes dous últimos sempre a beneficio de
inventario) Para aceptar herdanzas ou legados será necesaria a
autorización previa do Padroado.
Art. 19º.- Os medios económicos para o logro da finalidade fundacional
poderán estar compostos por:
1. Os froitos ou rendas, produtos ou beneficios do capital ou
patrimonio das actividades que realiza a Fundación.
2. As doazóns "inter vivos", herdanzas e legados que reciba, e os demais
bens que adquira por calquera título.
3. As subvencións e aportacións que poida recibir dos entes públicos e
particulares, previa aceptación da Xunta Rectora.
Art. 20º.- Os bens adquiridos por herdanzas, legados, doazóns, ou
calquera título gratuíto aplicaranse ou conservaranse segundo a
vontade do transmitente e condicións establecidas no título de
adquisición.
Art. 21º.- Para asegurar a garda dos bens constitutivos do patrimonio
da Fundación observaranse as seguintes regras:
1. Os bens inmobeis de dereitos reais inscribiranse no Rexistro da
Propiedade a nome da Fundación. Os demais bens susceptibeis de
inscripción deberán inscribirse nos Rexistros correspondentes.
2. Os valores mobiliarios e fondos públicos serán confiados polo
Padroado en réxime de depósito administrativo a unha entidade
bancaria ou caixa de aforros.
3. Os demais bens mobeis, os títulos de propiedade, os resgardos de
depósito e calquera documento acreditativo de dominio, posesión,
uso e disfrute ou calquera outro dereito de que sexa titular a
Fundación poderá ser confiado polo propio Padroado á persoa na que
se delegue.
4. Todos os bens da Fundación inventariaranse nun Libro de Rexistro
do Padroado.
Art. 22º.- O Padroado confeccionará para cada exercicio económico un
orzamento ordinario, no que se recollerán os ingresos e gastos
ordinarios.
Nos ingresos figurará canto perciba a Fundación por calquera
concepto. Nos gastos citaranse por separado os gastos xerais e
poderanse destinar os excedentes de ingresos a incrementar o capital
da Fundación.
Art. 23º.- O Padroado deberá confeccionar un orzamento extraordinario
cando se trate de levar a cabo actuacións excepcionais, non
incluídas no orzamento ordinario, que requerirá a súa aprobación polo
Padroado.
Art. 24º.- Os ingresos que por calquera concepto obteña a Fundación
serán sempre aplicados ao cumprimento dos obxectivos fundacionais.
Os gastos xerais ou de administración non poderán exceder do
10% dos ingresos.
O remanente que se obteña, caso de non agotar os límites
establecidos nos apartados anteriores, será destinado a incrementar o
capital, previsión de gastos extraordinario e outras actividades que
beneficien á Fundación.
|
| · TÍTULO V: MODIFICACIÓN, FUSIÓN E EXTINCIÓN |
 |
Art. 25º.- O Padroado pode promover a modificación destes estatutos
sempre que non sexa contraria á vontade dos fundadores e aos fins
fundacionais.
O acordo de modificación deberá ser adoptado polo voto favorábel
de dous tercios dos seus membros asistentes sempre que, ademais,
resulte a maioria absoluta dos seus membros.
Art. 26º.- O acordo de modificación comprenderá necesariamente os
seguintes termos:
1. A exposición razoada da causa determinante de modificación.
2. O contido de modificación, que se deberá afastar o menos posíbel
dos presentes estatutos.
3. Un estudo económico de viabilidade da modificación e o programa de
adaptación das instalacións, cando proceda.
Art. 27º.- Procederá a extición da Fundación:
1. Cando as disposicións da carta fundacional ou dos presentes
estatutos sexan revocados, alterados ou modificados por persoa,
autoridade ou xurisdición diferente do padroado e sen coñecemento
deste.
2. No caso de que o estado ou outro organismo, autoridade ou tribunal
pretendesen interferir, minguar, alterar, modificar, contrariar ou de
calquera outra forma non respectar, observar, influír e gardar a
vontade recollida nestes estatutos e na escritura fundacional.
3. Cando resulte imposíbel realizar os obxectivos fundacionais.
4. Por calquera outra causa expresada na Lei.
Art. 28º.- O expediente que se incoe para a extinción da Fundación
comprenderá necesariamente:
1. A exposición razoada da causa determinante dela.
2. O balance da Fundación.
3. A proposta de designación de liquidadores, o programa da súa
actuación e o proxecto de distribución dos bens integrantes do
patrimonio da Fundación ou do produto da venda dos mesmos faráse,
unha vez outorgadas as distintas autorizacións previstas polas
leis, libremente polo Padroado a favor doutras fundacións ou
entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro que poideran
cumprir finalidades semellantes.
No caso de se extinguir a Fundación, os bens de que fora
propietaria pasarán a outra entidade de finalidade semellante
designada polo Padroado.
|
|